Friday 17 de May de 2024

O Concello destaca que Alvedro volve crecer en outubro


É o único aeroporto galego que gaña pasaxeiros todos os meses cun incremento do 22% respecto a 2013

O tenente de alcalde de Emprego e Empresa e presidenta do Consorcio de Turismo, Luisa Cid, valorou hoxe que Alvedro recibise o pasado outubro un total de 85.055 pasaxeiros, o que supón un crecemento do 5,1% con respecto ao mesmo mes de 2013, porcentaxe que sobe ata o 22% no acumulado o ano, con 833.268 viaxeiros -150.350 máis- que nos dez primeiros do exercicio anterior, segundo os últimos datos feitos públicos por AENA.
As cifras demostran, unha vez máis, que Alvedro é o único aeródromo galego que gaña pasaxeiros nos dez primeiros meses do ano, rozando en outubro a cifra de todo o pasado ano, cando o aeroporto pechou o exercicio con 839.837 viaxeiros.
“Alvedro segue en moi boa posición e os datos non fan máis que demostrar que imos polo bo camiño cunha política de destinos estratéxicos centrada en mellorar a nosa conectividade”, indica Cid. Neste sentido, recordou que as cifras de crecemento de Alvedro non son circunstanciais nin puntuais, senón froito dun traballo serio para potenciar a actividade de Alvedro. A edil engadiu que, nuns momentos especialmente complicados, Alvedro sobe mentres a maioría dos aeroportos españois baixan.
A Coruña segue sendo o único aeroporto galego que incrementa as súas cifras no que vai de 2014, xa que Santiago cae un 0,24% e Vigo un 0,16%. En canto ás operacións, en Alvedro rexistráronse 1.272 voos (un aumento do 5,2%), dos cales 823 foron voos comerciais, acumulando un incremento interanual do 15,51%.